Camiño de Santiago
Tipo | trail system (en) ![]() ![]() | |||
---|---|---|---|---|
Epónimo | Santiago o Maior ![]() | |||
Localización | ||||
Continente | Europa ![]() | |||
División administrativa | España ![]() | |||
| ||||
Composto por | ruta xacobea en España Way of Saint James in Luxemburg (en) ![]() Way of Saint James in the United Kingdom (en) ![]() ViaJacobi (en) ![]() Way of Saint James in Poland (en) ![]() Way of Saint James in Slovenia (en) ![]() Way of Saint James in Belgium (en) ![]() Way of Saint James in Hungary (en) ![]() Camiño de Santiago en Portugal Camiño de Santiago en Francia Way of Saint James in Austria (en) ![]() Way of Saint James in Germany (en) ![]() Way of Saint James in Czechia (en) ![]() Way of Saint James in the Netherlands (en) ![]() Way of Saint James in Italy (en) ![]() Camiños de Santiago de Compostela: Camiño Francés e Camiños do Norte de España ![]() | |||
Características | ||||
Ben de interese cultural | ||||
Identificador | RI-53-0000035-00017 | |||
Historia | ||||
Primeiro rexistro escrito | de aquí 100.000 anos ![]() | |||
Actividade | ||||
Uso | peregrinación ![]() | |||
O Camiño de Santiago (en latín: Peregrinatio Compostellana) é un conxunto de vías de acceso de peregrinos a Santiago, creado a partir da descuberta dos supostos restos do Apóstolo no lugar do Libredón, en Santiago de Compostela, durante o reinado de Afonso II. O Camiño Francés e as rutas francesas do Camiño foron declarados pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993 e 1998 respectivamente.[1][2]
Vías
[editar | editar a fonte]O Camiño ten varias vías alternativas en función da orixe do peregrino, de maior ou menor uso segundo as épocas e circunstancias do seu nacemento:
- O primeiro foi o Camiño Primitivo, que, ao parecer, foi o que seguiu o rei Afonso II de Oviedo na súa peregrinación a Santiago (inaugurando esta vía dun xeito politicamente interesado).
- O Camiño do Norte, pola costa do mar Cantábrico ata Ribadeo e logo polo interior de Galiza. Alternativamente, cruzaba o río Eo por Abres.
- En Francia hai catro vías para a peregrinación a Santiago: a Vía Tolosana, que entra en España por Somport, e as vías Lemovicensis, Podianense e Turonense, que pasaban os Pireneos por Roncesvalles para seguir polo Camiño Francés.
- O Camiño Francés, que transcorre pola meseta entrando na península por Roncesvalles e en Galiza polo Cebreiro (e que foi o que desprazou en importancia aos anteriores ao facerse máis segura a ruta da meseta polo avance da Reconquista).

- O Camiño Aragonés, era o que seguían os peregrinos que entraban por Somport.
- O Camiño Portugués, que recolle os peregrinos de Portugal.
- A Vía da Prata (ou Ruta da Prata), por onde viñan os peregrinos do sur da Península Ibérica e que continuaban en Galiza polo camiño do sueste que ía dende A Gudiña.
- O Camiño Inglés, que seguían os peregrinos que partían en naves dende as illas de Gran Bretaña e Irlanda para comezar a peregrinación dende Ferrol e A Coruña.
- O Camiño Madrileño, que atravesa a serra de Guadarrama para seguir pola meseta norte desembocando no Camiño Francés á altura de Sahagún.
- En Italia os peregrinos seguían a vía Francigena, pola que tamén se peregrinaba a Roma.
- A Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla conmemora a Translatio do Apóstolo a través da ría de Arousa.
- E por último o Camiño de Fisterra-Muxía que moitos peregrinos deciden facer dende Santiago a Fisterra ou a Muxía.
Historia
[editar | editar a fonte]
Pode ser explicado como o resultado da cristianización dun ancestral camiño pagán para ver morrer o sol no fin do mundo en Fisterra, pero a súa historia comeza co descubrimento dos restos do Apóstolo Santiago.
No ano 813 tivo lugar o acontecemento relixioso máis importante da Europa cristiá medieval [Cómpre referencia], o descubrimento en Galiza, dunha arca cuns restos que foron atribuídos ao apóstolo. Segundo a tradición cristiá, nese ano o ermitán Paio albiscou nas inmediacións do castro Libredón (antiga Santiago de Compostela) unha estrela (posibelmente un fogo fatuo) sobre unha arca de mármore. Avisado o bispo de Iria Flavia, Teodomiro, este acudiu axiña ao lugar, identificando os restos atopados como o corpo decapitado do Apóstolo Santiago. Este "inventio" foi, a seguir, atendido polo monarca galego-ovetense, Afonso II (791-842), quen, tras peregrinar ao sartego no mesmo ano, ordenou edificar unha igrexa arredor da tumba "santa" e estableceu unha comunidade relixiosa permanente, espallando a nova por toda a cristiandade europea. O culto a Santiago esténdese por Galiza e Asturias. Afonso III o Magno, que peregrinou no 872 e volveu no 874 coa raíña Ximena, ordenou edificar unha nova basílica, que consagraron no ano 899 e é no seu reinado cando a peregrinación cara a Compostela chega ata os Pireneos. A Diocese de Iria e o seu titular convertéronse na máis poderosa administración eclesiástica non só da Gallaecia altomedieval, senón de toda a Península Ibérica, acrecentando o seu poder coas constantes doazóns por parte dos monarcas á igrexa compostelá.
No século X comezou a desenvolverse o camiño francés, coa chegada de peregrinos de Tours, Limoges e Le Puy, e mesmo a mediados do século chega en peregrinación o bispo de Le Puy, Gotescalco, un dos primeiros peregrinos de nome coñecido.
A comezos do século XI, Sancho III O Maior fixou o trazado definitivo do Camiño de Santiago, ao librar de incursións musulmás a zona comprendida entre os Pireneos e Nájera e aproveitar o trazado dunha antiga vía romana que substituíu o percorrido anterior que cruzaba Áraba. Tamén a el se lle debe a influencia cluniaciense por todo o camiño. Convertida no terceiro centro de peregrinación da Cristiandade —só despois de Xerusalén e Roma—, foi a partir do século XI e principalmente XII, cando desde numerosos puntos de Europa comecen a chegar peregrinos, ben desde Occitania, Francia, Navarra ou Aragón-Cataluña vía terrestre, ben desde as Illas Británicas, Escandinavia, ou Alemaña vía marítima. Afonso VI de León e Castela e Sancho Ramírez de Navarra, tamén no século XI, dotaron de infraestruturas as vilas polas que pasaba o camiño: construción de hospitais para os peregrinos, pontes, melloras no trazado viario, e favoreceu as repoboacións das cidades do camiño, en especial con francos e eximindo do pago dalgúns portádegos ós peregrinos.
A partir do século XVI, a peregrinación a Santiago comezou un importante declive, no que interviron as novas circunstancias políticas e relixiosas imperantes en Europa, especialmente a expansión da Reforma protestante a partir de 1517, coa que desapareceron os peregrinos procedentes de Inglaterra, Alemaña e Holanda. Noutra orde de cousas, a posibilidade de redimir as penas con diñeiro fai que desaparezan tamén os peregrinos que facían o Camiño por ese motivo, e xorde paralelamente un desprestixio da imaxe do peregrino, que comeza a verse como un desocupado que sobrevive das esmolas.
Tamén tivo que influír decisivamente o feito da desaparición das reliquias do Apóstolo en 1589, cando o arcebispo Juan de Sanclemente agochou o sepulcro como medida de cautela ante o inminente ataque do pirata Francis Drake. Por algunha razón, o lugar onde as pousou quedou en segredo e, co paso dos anos, as reliquias déronse por perdidas.
Ó irse reducindo o número de peregrinos e, con eles, as achegas económicas que puideran facer nas vilas que percorrían, os gobernantes da época deixaron de crear e manter camiños, pontes e hospitais, dado que a transcendencia económica e social do Camiño deixou de interesar. O declive foi continuo durante os séculos XVII e XVIII ata case desaparecer no XIX, século no que reapareceron os restos do Apóstolo, en 1879, e foron autentificados polo papa León XIII en 1884. Isto permitiu unha certa recuperación pero que non foi significativa ata que a mediados do século XX, iniciativas particulares, primeiro, e oficiais, despois, conseguiron revitalizar o Camiño ata o auxe que actualmente experimenta, especialmente desde 1993.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]En 1931 decláranse monumentos nacionais algunhas das localidades principais que atravesaba o Camiño. En 1962 declárase Conxunto Histórico-Artístico. En 1971 declárase Ruta de Interese Turístico, e apróbanse as primeiras subvencións para a construción de albergues. Tamén nese mesmo ano nace en Estella a primeira das hoxe numerosas Asociacións de Amigos do Camiño. A finais dos 70, o cura do Cebreiro Elías Valiña comezou un labor persoal de delimitar as rutas e sinalizar o Camiño coas frechas amarelas que hoxe guían ós peregrinos.
En 1982, Ano Santo, o papa Xoán Paulo II invita a tódolos católicos a peregrinar a Santiago e o Consello Europeo nomea o Camiño Primeiro Itinerario Cultural Europeo.
En 1991 créase a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo 93, co obxectivo de organizar o Ano Santo de 1993. En 1999 volve constituírse, para organizar o Xacobeo dese ano, pero agora xa con carácter de perpetuidade, como empresa pública dependente da Xunta de Galiza destinada á promoción turístico-cultural e á dotación de servizos dos Camiños de Santiago.
Tamén en 1993 se produce a declaración da UNESCO do Camiño francés como Patrimonio da Humanidade, recoñecemento que se amplía en 1998 ás rutas francesas.
En 1996 publícase a Lei 3/1996, de 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago [3], que por primeira vez recoñece as outras rutas e non só o Camiño Francés.
En 2001 créase o Plan Director dos Camiños de Santiago, co obxectivo de actualizar e fomentar os oito itinerarios históricos do Camiño en Galiza.
Influencia do Camiño no desenvolvemento de Santiago
[editar | editar a fonte]O fenómeno xacobeo foi decisivo na conformación cultural-económica do reino de Galiza, debedor en gran medida ao auxe conseguido durante a titularidade de Diego Xelmírez (1100-1136) convertendo Compostela en sé metropolitana (ano 1122), a máis importante dignidade de todo Occidente despois de Roma. Arredor do sepulcro apostólico medrou non só unha catedral —centro artístico-relixioso de primeira magnitude— senón unha vila e posteriormente unha cidade, perfectamente establecida na Baixa Idade Media, cunha actividade comercial derivada da súa condición de cidade santa, onde se coroarían reis galegos, onde medraría a grande escola galego-portuguesa, e onde reside desde a Idade Media a capital de Galiza. Os estudos histórico-arqueolóxicos levados a cabo no século XX na propia catedral revelaron, non obstante, que desde época galaico-romana e sueva, Compostela fora un lugar relevante onde xa se soterraban importantes dignidades civís ou relixiosas moito antes do ano 813, o que motivou a diversos especialistas a defender que o corpo atribuído ao apóstolo Santiago fora en realidade o de Prisciliano, patriarca da igrexa galega, decapitado en Tréveris no ano 385.
Visitantes
[editar | editar a fonte]![]() | Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |

Datos dos visitantes dende 1985. En amarelo os Anos Santos:[4][5]
ano | 1985-6 | 1987 | 1988 | 1989 | 1990 | 1991 | 1992 | 1993 | 1994 |
Peregrinos | 2.491 | 2.905 | 3.501 | 5.760 | 4.918 | 7.274 | 9.764 | 99.436 | 15.863 |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Dos cales o número de estranxeiros | 2.391 | 2.151 | 2.330 | 2.751 | 5.093 | 4.183 |
ano | 1995 | 1996 | 1997 | 1998 | 1999 | 2000 | 2001 | 2002 | 2003 | 2004 |
Peregrinos | 19.821 | 23.218 | 25.179 | 30.126 | 154.613 | 55.004 | 61.418 | 68.952 | 74.614 | 179.944 |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Dos cales estranxeiros | 5.757 | 6.710 | 7.671 | 12.173 | 20.403 | 19.925 | 21.854 | 27.355 | 30.518 | 43.873 |
ano | 2005 | 2006 | 2007 | 2008 | 2009 | 2010 |
Peregrinos | 93.924 | 100.377 | 114.026 | 125.141 | 145.877 | 272.135 |
---|---|---|---|---|---|---|
Dos cales estranxeiros | 40.496 | 48.166 | 58.700 | 64.029 | 66.870 | 84.046 |
ano | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 |
Peregrinos | 183.366 | 192.488 | 215.880 | 237.882 | 262.583 | 278.224 |
---|---|---|---|---|---|---|
Dos cales estranxeiros | 85.544 | 97.213 | 109.989 | 124.258 | 140.131 | 153.828 |
- Peregrinos
- Peregrinos (Ano santo)
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Vexa o artigo principal en Galería de imaxes do Camiño de Santiago
-
Sinal do camiño en Francia e Suíza
-
Moeda de 5 pesetas do ano santo de 1993
-
Sinalización
-
O Camiño de Santiago ó seu paso por León
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Route of Santiago de Compostela" (en inglés). UNESCO Culture Sector. Consultado o 17 de febreiro de 2013.
- ↑ "Routes of Santiago de Compostela in France" (en inglés). UNESCO Culture Sector. Consultado o 17 de febreiro de 2013.
- ↑ DOG nº 101, de 23.05.1996.
- ↑ "Estadísticas". Oficina del Peregrino (en castelán). Consultado o 21 de abril de 2017.
- ↑ "PEREGRINOS EN LOS ÚLTIMOS AÑOS". Archidiócesis Santiago de Compostela (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 21 de abril de 2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Camiño de Santiago |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Catedral de Santiago de Compostela
- Libredón
- Achado do sepulcro do Apóstolo Santiago
- Códice Calixtino
- Cuncha heráldica